Convocatoria Bancos de Tempo
O pasado 14 de xuño de 2010 publicou a CONSELLERÍA DE TRABALLO DE BENESTAR no DOG a “Orde do 21 de maio de 2010 pola que se convocan para o exercicio do ano 2010 as subvencións destinadas ás entidades locais para a implantación e o desenvolvemento de bancos municipais de tempo, plans de programación do tempo da cidade e/ou outras medidas municipais de conciliación.”
Obxecto da Convocatoria: Aprobar as bases que rexerán a concesión de subvencións e proceder á súa convocatoria pública, para as diferentes medidas que leven a cabo as entidades locais galegas, coa finalidade da posta en marcha e desenvolvemento de:
a) Bancos de tempo, coa finalidade de facilitarlle ás persoas empadroadas no correspondente concello a conciliación da súa vida persoal, familiar e laboral, a través dun sistema articulado de intercambio destinado a subministrar servizos e/ou coñecementos, entre mulleres e homes dun contorno dado, cuxa medida é a hora de tempo.
b) Plans de programación do tempo da cidade que, elaborados polos concellos, pretenden unha coordinación dos horarios da cidade coas exixencias persoais, familiares e laborais da cidadanía.
c) Implantación de calquera outra medida, sempre que os seus obxectivos respondan ao fin de fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares.
Entidades beneficiarias: Entre outras, poderán solicitar as subvencións reguladas nesta convocatoria os concellos, individualmente ou a través dos órganos dunha área metropolitana, dunha mancomunidade de municipios ou dun consorcio local constituídos exclusivamente polos concellos implicados.
Actividades subvencionables: As realizadas desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o 30 de outubro do mesmo ano e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento inicialmente poderán referirse ao dito período.
Prazo de solicitudes: O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.




Deixar un comentario